28/01/2014
Misturas urbaniza unha área de 70.000 m2 para ampliar o polígono de Verín

70.500 metros cadrados. Esa é a superficie que a construtora Misturas está a urbanizar para a ampliación do parque empresarial de Pazos, na localidade de Verín, unha obra promovida por Xestur, organismo dependente da Consellería de Medio da Xunta de Galicia que ten un presuposto total de 1,65 millóns de euros. Mediante esta actuación, o polígono empresarial verá incrementada a súa extensión nun 53%, xa que actualmente dispón de 132.200 m2. Para iso, Misturas executa un proxecto que contempla movementos de terra e explanacións, infraestruturas de servizos, pavimentación, labores de xardinaría, rego e mobiliario urbano, o acceso das parcelas ás redes de abastecemento de auga, o saneamento de pluviais e residuais, enerxía eléctrica, iluminación pública, canalización de comunicacións e distribución de gas. Dos 70.500 m2, máis de 46.500
destinaranse a solo industrial, mentres que 10.000 serán zonas libres e verdes, e 10.600, áreas viarias e de estacionamento. Misturas xa realizou os movementos de terras, a obra civil do pozo de bombeo da rede de residuais, a instalación de conducións de media e alta tensión á nova subestación eléctrica de Verín e actuacións para a habilitación dunha subestación eléctrica situada nunha das parcelas desta primeira fase de actuación.
O conselleiro de Medio Agustín Hernández visitou días atrás as obras, onde anunciou que os traballos de ampliación estarán finalizados no primeiro semestre de 2014. Hernández estivo acompañado polos alcaldes de Verín e Monterrei, Juan Manuel Jiménez e José Luís Suárez, respectivamente, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, ademais de varios representantes da empresa.