01/09/2013
A rehabilitación da ponte romana de Lugo empregou un láser escáner de alta precisión para a estrutura

Misturas constatou parte das utilidades e o alcance do Proxecto Sitegi. A rehabilitación da ponte romana de Lugo, acabada de completar por Misturas, permitiu constatar parte das utilidades do denominado Proxecto Sitegi, como o uso dun moderno prototipo de láser escáner en tres dimensións que posibilitou que a empresa deixara documentada con total precisión toda a infraestrutura, incluídos a cantería e a cimentación das pilas que quedaron ao descuberto ao desecar o río Miño para a execución das obras. Os traballos serviron indubidablemente para coñecer o alcance e a precisión dos equipos de esa iniciativa de I+D+i que impulsan a Universidade de Vigo e un grupo de empresas galegas, entre as que se atopa Misturas, para a inspección de infraestruturas, co obxectivo de optimizar a toma de decisións sobre a necesidade de intervención nas mesmas. En concreto, Misturas utilizou o prototipo para controlar varios aspectos das obras de rehabilitación. Por unha banda, realizou o devandito escaneo utilizando un láser-escáner móbil de última xeración incluído na unidade móbil de inspección desenvolvida neste proxecto. Estudáronse deste xeito as cimentacións das pilas 2, 3 e 4, de orixe romana, e que quedaron aos descuberto despois de desecar o Miño, construíndo unha presa provisional no seu leito. Por outra banda, inspeccionouse cun xeorradar o recheo da ponte, no que se incluíron as canalizacións de diferentes servizos urbanos para evitar o seu impacto paisaxístico, como o abastecemento de auga, iluminación pública, baixa tensión ou os espazos previstos para futuras canalizacións de reserva. Estes equipos resultaron especialmente útiles para a localización de elementos soterrados previstos en varias actuacións concretas, como as operacións para o mantemento do servizo de subministración de auga potable do barrio da Ponte durante unha fase da obra, colocando unha tubaxe provisional, e a instalación definitiva da rede que se tiña que aloxar no interior da ponte unha vez rematada a intervención. Estas obras de rehabilitación, adxudicadas a Misturas polo Concello de Lugo, contemplaron a eliminación da estrutura metálica das beirarrúas, así como das lousas de formigón armado e do pavimento existente, que foi substituído por outro de lousa á chapacuña. Tamén se construíron novos peitorís de pedra e modificouse a rasante, conseguíndose o aspecto alombado previo á rehabilitación acometida en 1893 polo enxeñeiro Godofredo A. Cascos, moito máis parecido ao orixinal romano. O Proxecto Sitegi está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2014, e polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Xunto a Misturas participan nesta investigación as empresas galegas Extraco, Insitu Enxeñería, Enmacosa e Lógica, así como o Grupo de Investigación TF1 da Universidade de Vigo. O proxecto, xa superado o ecuador dos tres anos previstos para a súa execución, ten un orzamento de más de 3,7 millóns de euros.