29/09/2015
Apoio de Misturas a varias iniciativas de I+D na convocatoria ‘Retos 2015’
Varias iniciativas universitarias de I+D+i obtiveron o apoio expreso de Misturas para a convocatoria do ‘Programa estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación orientado aos Retos da Sociedade 2015’. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2013-2016 do Ministerio de Economía y Competitividad, que pretende dotar de financiamento público aos centros de investigación do país, fomentando a colaboración entre institucións e empresas españolas a través de proxectos de I+D+i.
Concretamente, Misturas brindou o seu apoio por carta e o seu interese en colaborar cos estudos desenvolvidos polo Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, coordinados polo profesor Higinio González Jorge, uns traballos que buscan o desenvolvemento de novos modelos matemáticos que melloren a determinación de diversos parámetros das estradas, relacionados coa seguridade vial. A iniciativa é especialmente interesante para a construtora no marco dos contratos de servizos de conservación viaria que ten en marcha en diferentes territorios.
Convenios de prácticas
Tamén relacionado co ámbito universitario, varios estudantes finalizaron en setembro un período de prácticas de verán na delegación de Misturas en Cantabria, no que puideron coñecer os traballos de pavimentación desenvolvidos en Camaleño e de afirmado de camiños en Esles, Lloreda, La Abadilla, La Encina e La Penilla, entre outros.
A firma mantén varios convenios de colaboración para mellorar a formación de alumnos de varias universidades e centros de ensino superior. En concreto, este verán incorporáronse ao programa de prácticas estudantes do Máster de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos das universidades de Cantabria e Alfonso X ‘El Sabio’ de Madrid.