26/12/2018
Misturas obtén o indicador ARDÁN ‘Empresa Innovadora

Misturas obtivo o indicador Ardán ‘Empresa Innovadora’, un distintivo que se outorga ás compañías galegas que presentan altos niveis no seu desempeño innovador, medido a través de indicadores como o esforzo en I+D interna, capacitación en I+D+i, tecnoloxía en procesos, produtividade laboral ou retorno da I+D+i.
Os proxectos de investigación e desenvolvemento levados a cabo pola empresa no último ano, así como o desempeño innovador, foron claves á hora de distinguir a Misturas con esta acreditación específica, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. Esta entidade desenvolve, a través do sistema de información empresarial Ardán, unha liña de indicadores que distingue a aquelas compañías que son líderes na súa actividade e resolven de forma sobresaínte aspectos relacionados coa xestión empresarial.
Os indicadores Ardán están apoiados por grupos de investigación de ámbito universitario e revísanse e actualízanse anualmente, de forma que permiten constatar a realidade empresarial e proporcionan ás empresas instrumentos de medición para unha mellor posición estratéxica e competitiva.
Misturas traballa actualmente nun proxecto de I+D+i denominado “EMULCELL: Desenvolvemento de novas emulsións bituminosas mediante o uso de nanocelulosa para a obtención de misturas asfálticas en frío melloradas e sostibles”. O proxecto está cofinanciado polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e nel colaboran o Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial (CETIM), Eurofunding International e o Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da Universidade da Coruña, a través da Fundación Universidade da Coruña (FUAC).